Despois de algúns meses co proxecto, empezo a ter claro que pode chegar lonxe. Podo albiscar nun lonxano futuro un sitio plurilingüe de referencia internacional de videoxogos libres para todas as plataformas (si, propietarias incluídas), con miles de descargas oficiais por torrent, foro, entrevistas, noticias, listas automatizadas dos mellores xogos, contas de usuario, etc.
Pero como nestes momentos iso non son máis que soños, decidín, inspirándome no sistema de desenvolvemento que sigue o Battle for Wesnoth, seguir o principio KISS (siglas para o inglés Keep It Simple, Stupid; manteno simple, parvo). E por tanto, decidín ir facendo un roadmap ou lista de obxectivos acadables nestes momentos que me propoño perseguir co que polo de agora só é un blogue en galego de xogos libres para GNU/Linux.
Actualmente estamos na versión 0.6 de XL2. Hai a disposición pública unha lista de cambios co progreso que seguiu o blogue ata hoxe en día.
Agora mesmo non teño pensado ningún cambio para o blogue a curto prazo. Por tanto, acéptase calquera tipo de proposta. Se tedes unha idea, deixade un comentario explicándoa. Moitas gracias!










