Neverball 1.5.1

Neverball, un crebacabezas en tres dimensións, sacou a súa versión 1.5.1.

Na súa lista de cambios podemos salientar algúns tales coma:

  • posibilidade de configurar os botóns do rato (control completo da vista),
  • engadido de controis para cambiar entre as vistas manual e de seguemento,
  • gardado e carga real da configuración dos joysticks,
  • actualización das traducións ao alemán, francés e catalán;
  • e moitos máis.

Só unha cousa queda por dicir: bo proveito!

Fonte: The Linux Game Tome

Neverball 1.5.1
Xogo cuxo obxectivo consiste en balancear o chan para mover unha bóla a través dunha serie de obstáculos antes de que se esgote o tempo. Inclúe o Neverputt, xogo de golf en miniatura para varios xogadores que utiliza os mesmos gráficos e maila mesma física.
Sitio web: neverball.org

Simsu 1.2.0

Tradúzovos completamente a anotación no blogue do desenvolvedor do Simsu en que explica o que fixo nesta nova versión, a 1.2.0.

Hoxe (o 28 de marzo) liberei a versión 1.2.0 do Simsu. Todo comezou moi inocentemente. Só un par de retoques á interface, que acabaron convertíndose nun novo deeseño que permitise que o xogo se vise ben maximizado en pantallas panorámicas. Antes de que me decatase, xa substituíra o xerador de solucións porque era lento de máis. E entón engadín un resolvedor de crebacabezas máis sinxelo baseado no xerador orixinal. A partires de aí decidín que estaría ben dar soporte a todos os diferentes tipos de simetría. Detívenme antes de que puidese facer nada máis. Quen sabe o que lle reserva o futuro ao meu xogo “básico” de sudoku? :-P

Máis nada, que vos aproveite. Na páxina de descargas hai unha versión para Linux que é un binario xa compilado (é dicir, arrinca o xogo premendo nel, unha ou dúas veces segundo como teñades configurado o voso sistema).

Fonte: blogue do desenvolvedor

Simsu 1.2.0
Xogo de sudoku cun bo deseño e moi completo.
Sitio web: gottcode.org/simsu

Bastet 0.43

Hoxe vouvos presentar un xogo bastante curioso. En realidade é unha versión do popular Tetris. Pero este está especialmente deseñado para iso que moitos pensan que o orixinal trae de serie: buscar a peza que menos convén no momento en que menos convén.

Así se describe o Bastet -nome que ben da mestura de Bastard (que eu, máis que como bastardo, traduciría como c*br*n) e Tetris-, xogo que acadou hai relativamente pouco a súa versión 0.43, a terceira versión pública.

Os cambios nesta nova versión foron:

  • rescrita da maior parte do código,
  • división do algoritmo en dous: un fácil (con previsión de bloques) e outro máis difícil (sen ela),
  • o algoritmo non se ha deixar engañar con tanta facilidade coma na versión anterior,
  • soporte para ficheiros das puntuacións máis altas personalizados.

Disque o principal programador está algo ocupado, pero a ver se pode levar adiante este interesante proxecto. Imaxinades esta marabilla con función para xogar cun amigo, os dous na mesma computadora? Soñar é de balde.

Fonte: The Linux Game Tome

Bastet 0.43
Versi´on do Tetris caracterizada por intentar facerche a vida o máis difícil posible.
Sitio web: fph.altervista.org/prog/bastet.html

Anunciados os gañadores da competición de niveis do Yo Frankie!

Xa vos falara hai un tempo dun concurso de creación de niveis prao Yo Frankie!, un xogo que de seguro xa coñecedes. Pois resulta que xa hai gañadores. Á dereita tedes unha imaxe múltiple do nivel gañador (o que quedou no primeiro posto de 3). Tradúzovos as descricións dos mesmos que aparecen na anotación do blogue do xogo paréceme complicado de máis desta vez, así que se non vos vale coas imaxes, ides ter que ler inglés. :-)

O que si vos deixo é o nome dos niveis, así coma unha ligazón de descarga:

  1. Nut level (11 MB)
  2. Lighthouse Level (9 MB)
  3. Underworld Level (0,1 MB)

Intalar os niveis

Pra instalar un nivel, descomprime o contido do arquivo, entra no directorio descomprimido, copia o seu contido (levels, textures, etc.) no cartafol do YoFrankie BGE orixinal.

Podes inicia-lo YoFrankie dende o menú e estes niveis estarán dispoñibles dende o pequeno mundo de selección de niveis.

Estes niveis incluiranse no vindeiro lanzamento de YoFrankie, que se actualizará para Blender 2.49.

Fonte: blogue do xogo

Yo Frankie! 1.0
Xogo no que controlaremos a unha das personaxes da curtametraxe libre de animación Big Buck Bunny e a levaremos a través de distintos niveis, superando crebacabezas e procurando sobrevivir a animais salvaxes, auga e lava.
Sitio web: www.yofrankie.org

gbrainy 1.1

O gbrainy, un xogo que ten por meta servir de adestramento pr’a nosa cabeza, ven de saca-la súa última versión (que non derradeira), a 1.1.

Os cambios que incorpora esta nova versión son:

  • catro novos xogos,
  • o uso de Mono.Addins para as extensións prao gbrainy,
  • novas traducións e actualización das presentes,
  • e correcións de erros.

O xogo ten boa pinta. Se aínda non o probáchedes, non sei a que agardades. Veña!

Fonte: The Linux Game Tome

gbrainy 1.1
Xogo pra poñer a proba as nosas habilidades mentais: memoria, velocidade de reacción, etc.
Sitio web: live.gnome.org/gbrainy

Simsu 1.1.0

Simsu, un sudoku obra do creador de Tetzle, sacou hai pouco a súa seguinte versión, a 1.1.0.

Os cambios nesta versión consisten en:

  • engadido de soporte pr’as accións desfacer e refacer,
  • engadido de soporte pra salienta-lo número actual,
  • engadido dos botóns de entrada dos números.

Máis nada. Aos poucos vaille quedando un sudoku moi bo, digno de integrarse no proxecto KDE.

Fonte:: HappyPenguin

Simsu 1.1.0
Xogo de sudoku escrito en qt.
Sitio web: gottcode.org/simsu

Neverball 1.5.0

Tras algún tempo sen noticias, o Neverball conta cun novo lanzamento, a súa versión 1.5.0, e como acabo de comprobar que este é o primeiro artigo que escribo sobre el, comezarei cunha curta descrición do xogo.

O obxectivo consiste en balancear (ben co rato, ben co teclado) o chan para mover unha bóla a través dunha serie de obstáculos antes de que se esgote o tempo. O xogo mestura o xénero dos crebacabezas coa acción, e pon a proba as nosas habilidades. Ademais está o Neverputt, xogo de golf en miniatura para varios xogadores que ven incluído no xogo, e utiliza os mesmos gráficos e maila mesma física.

Bueno, velaquí vai un resumo dos numerosos cambios dende a versión 1.4:

  • novas texturas,
  • correccións e pequenos cambios nos mapas existentes,
  • internacionalización (agora pódese traducir o xogo),
  • traducido ao catalán, finlandés, francés, alemán, letón, noruegués e castelán,
  • novos niveis como premio por superar niveis en modo “reto”,
  • novos niveis tanto no Neverball coma no Neverputt,
  • un novo sistema de axuda,
  • engadido de iconas en formato SVG (vectoriais),
  • as capturas de pantalla faranse en formato PNG, en vez de BMP,
  • corrixiuse a aparencia da textura da bóla,
  • a bóla rebota dun xeito máis realista contra os obxectos en movemento,
  • nova pantalla de pausa,
  • efecto de cristal aos cristais (lóxico),
  • e MOITAS máis!!!

Xa podedes ir á páxina de descargas e baixar o código fonte para compilalo.

Fonte: HappyPenguin

Neverball 1.5.0
Xogo cuxo obxectivo consiste en balancear (ben co rato, ben co teclado) o chan para mover unha bóla a través dunha serie de obstáculos antes de que se esgote o tempo. Inclúe o Neverputt, xogo de golf en miniatura para varios xogadores que utiliza os mesmos gráficos e maila mesma física.
Sitio web: neverball.org

Marryampic II 0.8

O Marryampic II, segunda xeración do Marryampic cunhas novas regras, é un xogo clásico no que temos que valernos da nosa memoria pra recordar a situación das cartas e sacalas do taboleiro por parellas de iguais. Unha característica salientable do xogo son os sons establecidos pra cada parella. O xogo acadou a súa versión 0.8.

As regras que incorpora esta nova xeración consisten en que primeiro o xogo emite un son, e a continuación habemos de atopar a parella de cartas que se corresponde con tal son. Máis difícil que coas regras anteriores, mais tamén máis divertido.

Entre os cambios nesta nova versión atopamos:

  • corrección dos problemas co son na versión pra GNU/Linux (aumento do buffer de son),
  • dispoñible a tradución ao francés, co primeiro catálogo nesa lingua,
  • utilización da variable de ambiente HOME pra garda-la configuración -o ficheiro de configuración gardarase no cartafol persoal-,
  • novo xogo de cartas acerca de “instrumentos musicais” (disque máis divertido coas novas regras).

Fonte: HappyPenguin

- Marryampic II 0.8
Xogo de memoria no que terás que atopa-la parella de cartas que se corresponde co son que escoites.
Sitio web: membres.lycos.fr/mavati/marryampic2

Tetzle 1.2.1, facendo apaños previos á seguinte versión

tetzle121O desenvolvedor do Tetzle, un xogo que consiste en facer puzzles con calquera imaxe que queiramos e con pezas da forma das do Tetris, acaba de sacar unha nova versión, a 1.2.1.

Esta versión non incluíu cambio algún no que a características respecta, pero corrixiu dous bugs importantes. En primeiro lugar, o cursor xa non volverá soltar pezas mentres as esteamos a mover. E en segundo lugar, as pezas hanse amosar agora correctamente con independencia do zoom que usemos. Di o desenvolvedor que ámbolos dous erros tiñan un causante común: que ás veces non se facía ben a división ao cambia-lo zoom das pezas (dividir en programación pode ser un verdadeiro caos).

De todos xeitos, esta versión só foi pra darnos unha solución canto antes, e tal solución podería considerarse un simple parche. Pra a seguinte versión xa ten pensado un mellor xeito de soluciona-lo problema. A solución definitiva verémola na vindeira versión 1.3.

Aproveito pra recordarvos que ademais de descarga normal, na páxina de descarga atoparedes repositorios pra Ubuntu. A actualización apareceu neles hai dous días, así que os que xa estivesedes a usa-los repositorios o notaríades.

Que, levo ben o meu tetzle de 64 pezas, non si? :-)

Fonte: blogue do xogo

- Tetzle 1.2.1
Xoga a construír un puzzle cunha imaxe personalizada e pezas coa forma das do Tetris. Pódese elixir o número de pezas que terá o puzzle. Cóntase cunha previsualización da imaxe real como axuda pra a construción do puzzle, e tamén a posibilidade de achegar ou afasta-la imaxe.
Sitio web: gottcode.org/tetzle

Tetzle 1.2.0, vaia un puzzle!

Tetzle

Tetzle

Tetzle é o máis parecido ao puzzle de toda a vida que teño visto nos videoxogos libres, pero parecido non significa igual. Concretamente, o xoguiño trata de facer puzzles con pezas sacadas do Tetris. Pero esa é a única diferencia, a forma das pezas, polo demais segue a ser un entretido puzzle.

Un punto forte é que podemos utilizar calquera imaxe que queiramos, en diferentes tamaños. Isto fará que o xogo o podamos personalizar pra os máis pequenos da casa (debuxos animados das súas series favoritas do Xabarín Club, por exemplo), ata os xa crecidiños (non vou poñer exemplos, deixo vía libre aos “malpensados”). Tamén se pode gardar partida (algo de agradecer, que non tódolos xogos contan con isto).

Con respecto á versión anterior, a 1.2.0 trae entre outros cambios tales coma:

  • “detección de colisión real” (que sinceramente non sei o que quere dicir, quen o saiba que comente),
  • completo sistema de atallos de teclado,
  • atracción nos bordos,
  • zoom e movemento panorámico pra a ollada xeral.

Así que xa sabedes, a baixalo e contar como vai a cousa. Eu polo de pronto xa o estou a baixar. Os de Ubuntu temos un repositorio, por certo (que gustiño instalar dende os xestores de paquetes). Vale, probado. Din feito un de 16 pezas cunha foto de SLQH!

Fonte: HappyPenguin
Sitio web: gottcode.org/tetzle

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.