Neverball 1.5.1

Neverball, un crebacabezas en tres dimensións, sacou a súa versión 1.5.1.

Na súa lista de cambios podemos salientar algúns tales coma:

  • posibilidade de configurar os botóns do rato (control completo da vista),
  • engadido de controis para cambiar entre as vistas manual e de seguemento,
  • gardado e carga real da configuración dos joysticks,
  • actualización das traducións ao alemán, francés e catalán;
  • e moitos máis.

Só unha cousa queda por dicir: bo proveito!

Fonte: The Linux Game Tome

Neverball 1.5.1
Xogo cuxo obxectivo consiste en balancear o chan para mover unha bóla a través dunha serie de obstáculos antes de que se esgote o tempo. Inclúe o Neverputt, xogo de golf en miniatura para varios xogadores que utiliza os mesmos gráficos e maila mesma física.
Sitio web: neverball.org

Nexuiz 2.5

Tras case un ano de traballo por parte do seu equipo de desenvolvedores, o Nexuiz, un xogo de tiros en tres dimensións bastante popular no panorama do software libre, fixo pública hai nada a súa seguinte versión, a 2.5

Entre os cambios presentes nesta nova versión cabe salientar:

  • un HUD completamente redeseñado, coa posibilidade de personalizar a táboa de puntuacións,
  • redución á metade do consumo de ancho de banda nas partidas en liña, grazas a unha mellor comunicación cliente/servidor;
  • inclusión de novos mapas, sons, voces, efectos, texturas, punteiros, estilos de interface e unha morea de armas;
  • mellora da intelixencia artificial dos bots, así como redución do seu uso de procesador;
  • soporte para a gravación de vídeo en OGV,
  • inclusión de novos elementos aos mapas para sumarlles dinamismo,
  • engadido do editor de mapas NetRadiant,
  • mellora dos efectos visuais, agora moito máis atractivos,
  • recompilación dos mapas con iluminación externa para unha mellora das sombras,
  • unha morea de funcionalidades relativas aos torneos,
  • cambio na estrutura do menú, así coma mellora do mesmo,
  • e, por suposto, múltiples correccións de erros.

Ademáis diso, retomouse o soporte para múltiples campañas no modo de xogador individual, e engadiuse un novo modo de xogo, Race (carreira en inglés), no que hai que percorrer un mapa pasando por unha serie de zonas (checkpoints) en el menor tiempo posible.

Se todos estos cambios non son abondo para vós, sempre podedes ver a lista de cambios completa.

Fonte: LinuxJuegos

Nexuiz 2.5
Xogo de tiros en tres dimensións con impresionantes gráficos.
Sitio web: alientrap.org/nexuiz

Freeciv 2.1.9

O Freeciv, o xogo de estratexia por roldas, xa ten unha nova versión, a 2.1.9. Trátase dun lanzamento destinado á mellora da experiencia no xogo en liña, o mellor ata o momento no que a este aspecto do xogo se refire.ç

Na lista de cambios (hai dispoñible tamén unha versión completa da mesma) atopamos entre outros:

  • cambio do formato do nome dos ficheiros de partidas gardadas,
  • cambio do servidor principal polo dispoñible en cazfi.net,
  • mellora na interface en gtk do xogo para que encaixe ben nunha resolución de 800×600,
  • mellora do sistema de selección masiva de unidades,
  • mellora do destprazamento automatico da da fiestra de conversa,
  • engadido da opción para que nas mensaxes da conversa apareza a hora en que se enviaron,
  • engadida a opción para dar preferencia ás cidades sobre as unidades cando se faga un cadrado co rato para seleccionalas,
  • opción para amosar o custo de produción nas descricións das cidades,
  • opción para non borrar as ordes das unidades ao seleccionalas,
  • engadida unha vista da lista de persoa presentes no servidor na páxina de xogo en liña,
  • engadido botón para cambiar a conversa en liña, entre a conversa global e a conversa cos aliados,
  • actualización das traducións ao finés, calatán, estoniano, danés, lituano, alemán, coreano e sueco.

Fonte: sitio web do xogo

Freeciv 2.1.9
Xogo de estratexia por roldas, cunha gran comunidade detrás e moitas civilizacións dispoñibles.
Sitio web: freeciv.wikia.com

Vacuum Magic 0.11

O Vacuum Magic xa ten nova versión, a 0.11.

Nos cambios con respecto da versión anterior atopamos:

  • unha nova bonificación: o escudo de lume; trátase da bonificación máis poderosa que pode obter o xogador, e que lle fornece un abraiante potencial tanto defensivo coma ofensivo;
  • un novo fondo e nova música, cun tema de Samaín,
  • a “mala” Meiga robótica solta unha bandada de morcegos cando a fires,
  • o “malo” Bombas agora é menos mortífero,
  • varios axustes e correccións.

Fonte: The Linux Game Tome

Vacuum Magic 0.11
Xogo de acción en dúas dimensións en que recolleremos froita e mataremos monstros. Como na vida real, vamos.
Sitio web: apocalypse.rulez.org/vacuum

Para cando o Hedgewars 0.9.10?

Vouvos traducir unha entrada no blogue do Hedgewars que me pareceu moi interesante, non tanto polo que di do xogo como polo que di da comunidade de desenvolvedores de software libre. Eu veríao, máis que como unha crítica, como unha ensinanza. Aprendede o que é unha boa actitude de cara ao público -que, todo hai que dicilo, non sempre se comporta moi ben cos desenvolvedores-.

Ola rapaces:

En primeiro lugar quero tomarme uns segundos para aborder un tema que me irrita. Estou a seguir unha morea de proxectos para observar como evolucionan, e vexo constantemente anotacións en blogues, en P+F, en foros e en moitos outros sitios, referidos á xente que pregunta cando vai saír a versión X.

Estas anotacións soen seguir a liña do “Non preguntes cando vai saír” ou “Sairá cando estea acabada” ou “Preguntar a data dun lanzamento será motivo de expulsión”.

Ben, que bonita forma de dirixirte a aqueles que están ansiosos por utilizar o teu producto. Vexo unha colección enteira de xustivicacións percividas para elo, que adoitan consistir en algo coma:

É groseiro preguntar cando se vai rematar algo
Escoitalo todo o tempo é irritante
Se che damos unha data de lanzamento e non cumprimos ídesvos cabrear!
Non sabemos cando vai estar rematado

Se tes a dureza emocional dun rapaz de 12 anos, estas poderían ser xustificacións válidas. Francamente, se digo que vou lanzar algo un día determinado e non é tal, non me importaría nada se un pequeno grupo de idiotas dan a vara; os usuarios intelixentes serán os que se beneficien e os que ademais serán máis comprensivos se non consigues cumprir coa data de lanzamento

Así que, en resumo, medrade, deixade de ser tan condenadamente pretenciosos, e salvo que haxa cartos de por medio (en tal caso sería comprensible) limitádevos a contarlle á xente cando esperades que as cousas estean rematadas

E ata aquí a clase de moral e humildade que nos brindou Tiyuri, que se non me equivoco é o líder do proxecto Hedgewars. Eu sempre aceptara que o de preguntar como ía a cousa era “ser pesado”, pero tras este novo enfoque, quedei algo confuso. O que me parece innegable é que a posición que defende Tiyuri é a que máis me gustaría -e creo que falo por case todos os usuarios- que adoptasen os proxectos que sigo de cerca, que gracias a este blogue, son moitos ;-)

Tras este discurso maxistral, Tiyuri pasou a falar, como non, do estado actual do Hedgewars e as súas espectativas de futuro e o avance cara a futura versión 0.9.10.

Nestes momentos a parte técnica está case rematada. Hai un par de erros coas animacións da corda que hai que arranxar. A última gran tarefa é o menú de esquemas, o menú en si está técnicamente acabado, pero hai que reformalo. Tamén quero cambiar o estilo da páxina de xogo en rede para facela máis obvio que hai un servidor oficial ao que conectarse (desde ese punto de vista toda a lista de servidores é confusa).

Unha vez rematemos estas dúas pequenas tarefas, queremos probar un pouco o xogo. Uncorr quere telo en probas polo menos durante unha semana, eu menos, ao mellor uns poucos días. Espero ter rematado o relativo ao estilo esta fin de semana (refírese á fin de semana pasada) así coma as correccións. Deste xeito teremos nas nosas mans unha candidata a versión final. Unha vez a teñamos, probarémola polo menos ata mediados da semana, así que ao mellor o mércores (pasado). Se atopamos erros, teremos que corrixilos e volver probar o xogo… dependendo da gravidade do erro, pode levar cinco minutos ou un día volver probalo. Se non atopamos erros deberiamos poder lanzar a nova versión o xoves, e se non o lanzamento posporase ata que os arranxemos e os probemos.

En calquera caso, está moi preto. Espero ter o lanzamento para a semana que ven (esta que está a rematar) antes do venres. Pero xa se verá.

Hai algunhas novas funicionalidades na versión das que ninguén sabe nada aínda, teño ganas de que as descubrades, rapaces :-)

Fonte: blogue do xogo

Hedgewars 0.9.9
Xogo de estratexia por roldas en dúas dimensións ao estilo do Worms e con ourizos como protagonistas.
Sitio web: www.hedgewars.org

PokerTH 0.6.4

O PokerTH, un xogo de póquer descuberto centrado no xogo en liña con outros xogadores de todo o mundo, sacou a súa versión 0.6.4. O xogo ten moi boa pinta. Haberá que poñelo na lista de software a traducir ao galego -a non ser que un de vós se anime-.

Os cambios desta nova versión con respecto á anterior foron, entre outros:

  • mellora do rendemento do servidor,
  • sistema de avatar externo opcional,
  • gardado do criterio polo que se ordean as columnas na lista de partidas da pantalla principal,
  • mellora do realzado das cartas no “bote dividido”,
  • arranxouse o erro polo que ao premer en “join game” na pantalla principal, ocorría un erro no xogo.

Fonte: The Linux Game Tome

PokerTH 0.6.4
Xogo de póquer descuberto orientado cara o xogo en liña con xogadores de todo o mundo.
Sitio web: www.pokerth.net

Hedgewars – Avance informativo

Vouvos traducir completamente un avance sobre os progresos que leva acadado o desenvolvemento da vindeira versión do Hedgewars:

Queriades un informe e aquí o tedes:

  • 0.9.10 funcionará nun novo servidor central, que permitirá aos usuarios rexistrar un nome e unha conta (ou unha sesión co teu nome en herdewars.org), o que significa que poderemos comezar a premiar clasificacións, ter estatísticas dos mapas, e premiar dentro do xogo a destreza.
  • Imos introducir unhas cousas chamadas modificadores da partida. Poder ver unha captura de pantalla deles [na imaxe da dereita]. Estes modificarán a partida dalgún xeito, e o nome de moitos deles xa indica a forma en que o han facer. Poden gardarse coma se fai cos grupos de armas, e a framework permítenos engadir novos modificadores con facilidade.
  • Caixas de ferramentas, un novo tipo de agasaio (un deses que caen do ceo) que contén “ferramentas”, actívanse do mesmo xeito que se fai coas armas, e nestes momentos conteñen casco de baixa gravidade, vista láser, bonificación de tempo, multiplicador de daño por 1.5, e campo de forza. Podedes ver unha captura dunha caixa de ferramentas aquí.
  • Vigas renovadas. Non me gustaba como estaban funcionando as vigas, a xente tendía a utilizalas para bloquear aos adversarios, ou para agocharse e alongar a partida. Por tanto modifiqueinas. Agora podes colocar cantas vigas queiras sempre que teñas munición, e usalas non esgota a rolda! Aínda así, só podes utilizar as vigas a corta distancia do teu ourizo. Isto significa que as vigas agora actuarán coma un arma de movilidade, permitíndolle aos ourizos situarse nunha mellor posición para atinarlle ao inimigo, ou para servir de antibalas.
  • Novos temas. Agora temos os temas do Samaín, do queixo e do castelo. Tamén se actualizaron os temas vellos. Hai unha captura do tema do castelo [na imaxe da dereita].
  • Novos mapas, unha morea de mapas novos nesta versión. Aquí van un par de capturas de pantalla, aquí e aquí.
  • Unha morea de modificacións da interface para facela máis bonita e útil.
  • Agora o motor pode cargar demostracións sen cargar a interface, o que signiofica que se poden cargar demostracións facilmente con asociación de ficheiros. Pronto hase poder descargar e iniciar demostracións dende a páxina web para ver partidas.
  • Novos modelos, unha morea deles, incluíndo un equipo completo de Street Fighter, guau! Tedes unha captura [na imaxe da dereita].
  • Novas porcións de terreo. Agora poderase escoller entre unha serie de opcións de xeración do terreo, permitíndote xerar todo tipo de terreo en tamaños diversos, os mapas grandes soportan moitos máis ourizos que as versións anteriores.
  • Unha morea de cousas máis, axustes, arranxos, outras características… pero polo de agora listei abondo.

Case toda a parte técnica da versión 0.9.10 está rematada, fáltannos un par de axustes aquí e acolá, e lanzaremos a versión. Queda moi pouco!

Fonte: sitio web do xogo

Hedgewars 0.9.9
Xogo de estratexia por roldas en dúas dimensións ao estilo do Worms e con ourizos como protagonistas.
Sitio web: www.hedgewars.org

Crimson Fields 0.5.3


O resultado da guerra está nas túas mans. Ti decides que tropas enviar á fronte de batalla, e cando enviar os reforzos. Os obxectivos da túa misión van desde defender estratexicamente localizacións vitais ata simplemente destruír todas as forzas que o inimigo ten nunha zona. Protexe os convois cos suministros ou ataca as instalacións inimigas para descubrir secretos tecnolóxicos ou encher as túas plataformas de almacenamento para así poder reparar as unidades que o precisen ou construír novas nas túas fábricas. Leva ás túas tropas á vitoria!

Así se nos introduce o Crimson Fields, un xogo de estratexia por turnos clon do Battle Isle, que xa acadou a súa versión 0.5.3. Esta versións centrouse na correción de erros, e engadiu unha tradución parcial ao turco.

Fonte: The Linux Game Tome

Crimson Fields 0.5.3
Xogo de estratexia por turnos centrado na estratexia militar. É un clon do Battle Isle.
Sitio web: crimson.seul.org

TA3D 0.5.3

Bueno, hoxe tamén toca unha noticia lixeira. O TA3D, do que xa falaramos hai algún tempo, liberou unha nova versión adicada á estabilización do xogo, como xa fixera a súa versión anterior. Trátase da súa versión 0.5.3.

Ademais de lidiar con erros, o desenvolvemento tamén supuxo o cambio do manexo de imaxes, que agora comprimiranse con gzip. Isto supón un cambio na extensión dos ficheiros, no formato mellor dito, que fará os modelos comprimidos “á maneira d’antonte” incompatibles cos actuais. Hai que dicir que este cambio tróuxose dende a versión en desenvolvemento 0.6, como achega ao que serán os cambios que esta futura versión estable incluirá.

Máis nada. Mañá si que si, unha nova como Deus manda!

Fonte: The Linux Game Tome

TA3D 0.5.3
Xogo de estratexia en tempo real de ambientación futurista, clon do Total Annihilation pero en tres dimensións.
Sitio web: ta3d.darkstars.co.uk

Scorched 3D 42.1

O Scorched3D xa sacou unha nova versión, a 42.1.

Os cambios máis salientables deste novo lanzamento son:

  • cambio da fórmula da habilidade, agora máis estable;
  • corrección dos nomes unicode na consola do servidor web,
  • engadido de máis funcións de guións LUA,
  • cambios pra consegui-la compatibilidade cos compiladores de 64 bits,
  • compatibilidade coa versión 3.4 do compilador gcc,
  • corrección do problema que causaba que o servidor enviase mensaxes de máis ao cliente,
  • optimización do renderizado dos gráficos pra aproveitar mellor as capacidades do hardware,
  • soporte de linguaxe de guións praos guións das armas e mailo servidor,
  • soporte pra fondos máis grandes,
  • soporte multilingüe para as conversas e os nomes dos xogadores,
  • engadido soporte para a tradución dos diálogos e as mensaxes,
  • algúns axustes de xogo,
  • mellora das comunicacións por rede para reduci-lo tempo de espera,
  • inclusión dalgúns mapas novos.

En fin, que pinta ben. Na caixa de aquí abaixo tendes unha icona que leva á páxina de descargas. Bo proveito!

Fonte: HappyPenguin

Scorched 3D 42.1
Xogo de estratexia por roldas en tres dimensións no que pezas de artillería intercambian fogo en diversos terreos.
Sitio web: www.scorched3d.co.uk
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.