O sitio web do STK cambia de look

Pois nada, só era iso. Recoméndovos que vos deades unha volta polo novo sitio web do SuperTuxKart. A estas alturas o blogue xa se adaptou ao novo deseño, e cabe a posibilidade de que a vindeira versión do xogo tamén se inspire un pouco neste look.

O autor deste deseño foi Tom Jenkins, de icecubewebdesign.co.uk

Máis nada supoño. Iso si, non esquezades que este deseño está aínda desenvolvéndose, e acéptanse opinións.

Fonte: blogue do xogo

SuperTuxKart 0.6.1
Xogo de carreiras sobre karts con personaxes da familia Tux coma condutores e cunha ambientación infantil, pero recomendable pra tódalas idades.
Sitio web: supertuxkart.sourceforge.net

Glest 3.2.2

Hai relativamente pouco viu a luz unha nova versión do Glest, un xogo de estratexia en tempo real e en tres dimensións -si, lichedelo ben-, que puxo fin a dous erros relativos ao xogo en rede.

As coreccións desta versión, a 3.2.2, debémosllas a un usuario que, xogando coa súa familia nunha rede local, e fozando un pouco no código fonte do xogo, descubriu a causa de dous erros que sufrira durante as partidas en rede.

O home explicou cales eran os erros e como os solucionara nun fío do foro do xogo, e os seus parches aplicáronse ao xogo.

Fonte: The Linux Game Tome

Glest 3.2.2
Xogo de estratexia en tempo real e en tres dimensións. Conta con dúas faccións (máxica e tecnolóxica).
Sitio web: glest.org

OpenTTD 0.7.0

Por fin, a nova versión estable do OpenTTD xa está dispoñible ao público. Os cambios máis relevandes desta versión 0.7.0 son, entre outros:

  • traballouse nun sistema de ordes renovado,
  • posibilidade de posuír moitos máis mecanismos,
  • sinais baseadas nos camiños,
  • un framework da intelixencia artificial que permite a quen o desexe facerse a súa propia IA,
  • descarga directa de intelixencias artificiais e fgráficos desde un servidor principal (cando o autor así o desexe),
  • bordos terrestres nos mapas,
  • inicio do soporte para linguas escritas de dereita a esquerda, coma o árabe e mailo hebreo,
  • incremento ou decremento dun bo número de límites: tamaño das fiestras, número de fiestras, clientes en liña (agora 255), compañías (agora 15);
  • seis novas traducións: ao árabe, hebreo, lingua indonesia, letón, luxemburgués e galés.

Fonte: sitio web do xogo

OpenTTD 0.7.0
Clon do Transport Tycoon Deluxe, trátase dun xogo de simulación económica no que administrarás unha compañía de transportes.
Sitio web: www.openttd.org

SupertuxKart – Avance informativo

Os desenvolvedores do SuperTuxKart, alias STK, teñen agora como principal obxectivo mudarse a irrLicht como motor gráfico. De aí que os seus avances que vos comento vaian encamiñados cara tal obxectivo.

E non esperedes moito, que teñen choio abondo. Polo de agora xa acabaron o kart de Tux (como non!) e máis dous circuítos -O Faro e A Praia-. Tamén portaron algúns obxectos, e crearon tamén unha interface preliminar.

Poida que non pareza moito, pero coido que non ha ser doado facer o cambio completo do xogo. Seguro que o principio KISS non permitiría estas cousas. E de paso, que saibades os lectores que o SuperTuxKart está completamente aberto a novos colaboradores, así que se podedes contribuír co proxecto, non o dubidedes e contactade con eles.

Fonte: blogue de desenvolvemento do xogo

SuperTuxKart 0.6.1
Xogo de carreiras sobre karts con personaxes da familia Tux coma condutores e cunha ambientación infantil, pero recomendable pra tódalas idades.
Sitio web: supertuxkart.sourceforge.net

OpenTTD 0.7.0-RC2

Xa temos unha nova versión do OpenTTD, a 0.7.0 RC2, que podería ser a derradeira release candidate antes da 0.7.0 final. Hai unha lista de cambios completa onde, como podedes observar, non hai máis que correccións de erros. Canto credes que ha tardar a versión final? A ver se a sacan e probo o xogo dunha vez. :-)

Fonte: sitio web do xogo

OpenTTD 0.6.3
Clon do Transport Tycoon Deluxe, trátase dun xogo de simulación económica no que administrarás unha compañía de transportes.
Sitio web: www.openttd.org

Wesnoth… 1.6!

O que ledes, xa saiu a versión 1.6 do Battle for Wesnoth, un xogo de estratexia… bueno, xa deberías saber de que vai -se non o sabes, instálao ;-) -. Máis dun ano de desenvolvemento dende a última versión estable, a 1.4, e máis de 3.000.000 de descargas dende SourceForge (que se di moi fácil).

As notas do lanzamento non están aínda traducidas ao galego (e non sei como traducilas), pero vos deixo unha tradución miña:

Unha vez máis é a hora dun momento dos que marcan época, un lanzamento estable do Wesnoth. O equipo do Battle for Wesnoth orgullécese de liberar a versión 1.6 do Battle for Wesnoth, un xogo libre de estratexia por roldas de ambientación fantástica e elementos de rol. O xogo está dispoñible para a súa descarga para Windows, Mac OS X e varias distribucións de GNU/Linux.

Que novidades trae Wesnoth 1.6?

Contamos con moitas características novas para que goces delas estes días, entre elas unha nova campaña oficial, dous novos escenarios para o xogo en liña e unha renovada interface de usuario.

Para os xogadores

Campañas

Hai unha nova campaña oficial, A Lenda de Wesmere (que estou a traducir nestes momentos ao galego, e espero remate pr’a vindeira versión da rama estable, a 1.6.1), con novas características de xogo incluíndo (nun escenario) a posibilidade de utilizar a intelixencia artificial do xogo como o teu comandante para un dos aliados, establecendo ti os obxectivos que gustes. Busca esta característica agochada premendo co botón dereito nos comandantes aliados, durante o escenario número 7 (e o dicides agora? Creo que vou polo 8!!!). Esta campaña importouse desde o proxecto Wesnoth-UMC-Dev, onde pasou un par de meses para adaptala ao argumento principal.

Case todas as campañas oficiais usan agora un método distinto para manexar o ouro conservado dun escenario ao seguinte: a cantidade de ouro retido é agora o 40% en vez do 80% (coido que n’A Lenda de Wesmere aínda está no 80%), pero engádese ao ouro mínimo co que se comeza o seguinte escenario en lugar de substituílo cando é maior.

Moitas das campañas principais melloraron a narración do argumento e novas escenas cortadas e epílogos. Moitas delas melloraron e renovaron os mapas de campaña. Todas elas teñen agora datas na liña do tempo da historia de Wesnoth, e case todas teñen animacións das viaxes no mapa de campaña. A historia e xeografía de Wesnoth foi desenvolvida máis a fondo e con maior detalle: agora hai máis campañas que inclúen referencias a eventos da historia xeral, engadindo profundidade e enriquecendo a narración.

Xogo en liña

Agora pode entrarse no servidor de partidas en liña utilizando o nome de usuario e contrasinal da conta do foro de Wesnoth. Así e todo, non fai falla rexistrarse e calquera pode seguir utilizando un nome de usuario sen rexistrar.

O vestíbulo de partidas en liñas (onde atopas as partidas e aos xogadores) mellorou para permitir unha xestión máis sinxela das listas de amigos e de xente a ignorar premendo dobre co rato na lista de xogadores.

Entre os cambios máis salientables para equilibrar as eras por defecto están:

  • aumento do custo do trasno lanceiro de 8 a 9,
  • aumento do movemento do trasno lanceiro de 4 a 5,
  • aumento do ataque corpo a corpo do trasno lanceiro de 4-3 a 6-3,
  • engadido dos rasgos débil, lento e preguiceiro (poden non corresponderse coas traducións oficiais); os trasnos han recibir cada un un deles en vez de dous dos comúns,
  • engadido do tirador especial ao ataque a distancia da liña do orco asasino,
  • incremento do custo do cadáver andante de 7 a 8,
  • diminución do custo do arqueiro de 15 a 14,
  • diminución do ataque corpo a corpo do arqueiro de 6-2 a 4-2.

Xeral

Melloráronse os gráficos do xogo cunha nova gama de retratos de unidades. Moitas máis unidades contan con animacións completas e cor do equipo.

Hai un novo tipo de terreo básico, arrecife costeiro, que lle dá á meirande parte das unidades terrestres unha defensa algo maior que nas augas pouco profundas, e 70% de defensa para a maioría das unidades mariñas coma os sirénidos e mailos nagas. Os bosques adquiren maior variedade con gráficos para terreos de bosque caducifolio en primavera/verán, outono e inverno. Hai novos gráficos para as vilas das cidades dos humanos e zonas de tribos primitivas.

Os nosos compositores engadiron cinco novas pistas musicais de fondo: Heroes’ Rite, Siege of Laurelmor, Suspense, The Dangerous Symphony e The Deep Path. Ademais, agora o xogo reproduce fragmentos musicais especiais para os casos de vitoria e derrota.

A interface do xogo seguiu evolucionando, en especial no uso máis dramático dos retratos. Os diálogos de reincorporar unidades agora amosan información útil sobre os rasgos dos teus veteranos. Agora os complementos amosan a súa categoría cando navegas por eles no servidor de descargas.

Entre as novas traducións atopamos o árabe, o croata, o friulano, o macedonio, o marathi e mailo letón. As traducións existentes actualizáronse e extendéronse amplamente. Coido que o galego aínda non foi actualizado pra esta versión, así que a ver se pra seguinte xa está.

Ata aquí traduzo, o resto é información pra desenvolvedores e sobre as descargas. Se vos interesa o primeiro, deberiades ir ao anuncio oficial en inglés, e respecto do segundo, só necesitades saber unha cousa:

Páxina de descarga

Só me resta mencionar que de cara ao desenvolvemento da póla 1.7 (inestable), o equipo busca tradutores (ao galego supoño que non lle virían mal, se vos interesa ide aquí ou deixádeme un comentario), artistas gráficos (sprite, retratos, terreo, ilustracións das historias), compositores musicais (con idea de composición de música clásica, e requírese un bo equipo), artistas de son (para os efectos especiais), autores (escritura/mantemento das campañas, creando contidos tales coma descricións de unidades, e mellorando a axuda interna do xogo) e, por suposto, programadores. Se queres participar no desenvolvemento de Wesnoth, bótalle unha ollada ao foro ou visítanos na canle IRC #wesnoth-dev en irc.freenode.net.

Fonte: sitio web do xogo

The Battle for Wesnoth 1.6
Xogo de estratexia por roldas ambientado nun mundo fantástico, Wesnoth. Caracterízase por unhas regras moi simples, e xógase en mapas hexagonais (formados por hexágonos).
Sitio web: www.wesnoth.org

Wesnoth 1.5.14, terceira (e derradeira?) candidata á versión 1.6

O equipo de desenvolvedores do Battle for Wesnoth trouxéronnos a que probablemente sexa a derradeira versión da póla inestable 1.5.x. Esta nova versión, co 1.5.14 por código, pretendeu eliminar tódolos erros posibles.

Así que xa podedes probar esta candidata a versión final. Din os desenvolvedores que “necesitan da nosa colaboración pra cerciorarse de que a nova 1.6 sexa incluso mellor e máis estable que a póla 1.4.x”. Por tanto, pídennos que “vos fagades con este lanzamento e informade de canto erro atopedes“. Eu, de paso que procuro rematar a tradución ao galego dunha das campañas do xogo, a ver se atopo algo do que informar.

Velaquí vai a miña selección de cambios (déixovos tamén ligazóns ás hamburguesas listas de cambios normal e completa):

  • últimos retoques nalgunhas campañas,
  • bastantes retratos novos prao novo sistema de diálogos,
  • novas variantes das plantas do deserto,
  • actualizacións das traducións ao catalán, chinés simplificado, checo, neerlandés, finés, alemán, hebreo, húngaro, lituano, noruego, polaco, ruso e eslovaco.
  • actualización do tipo de letra, DejaVuSans (o que traen por defecto moitas distros de GNU/Linux) á súa versión 2.29,
  • substitución dos tipos de letra sazanami-gothic.ttf e wqy-zenhei-gb2312.ttf polo wqy-zenhei.ttc
  • engadiuse a pista de música “Siege of Laurelmor” (O sitio de Laurelmor), obra de Doug Kaufma,
  • o tamaño dos diálogos de mensaxes agora pasa a depender do tamaño do mapa,
  • volve ser posible utiliza-lo botón dereito do rato pra cancelar os “arrastrar e soltar”,
  • e múltiples correccións de erros, entre as cales cabe salientar:
    • ao descargar complementos (add-ons), non aparecerán na lista de campañas ata que reinicie-lo xogo,
    • correccións dalgúns erros relativos á selección de unidades durante o movemento doutras,
    • corrección dun erro da intelixencia artificial (polo que o líder era agresivo de máis),

Fonte: sitio web do xogo

The Battle for Wesnoth 1.4.7
Xogo de estratexia por roldas ambientado nun mundo fantástico, Wesnoth. Caracterízase por unhas regras moi simples, e xógase en mapas hexagonais (formados por hexágonos).
Sitio web: www.wesnoth.org

OpenTTD 0.7.0 RC1

Os desenvolvedores do OpenTTD, un xogo de simulación no que nos poremos ao mando dunha compañía de transportes, sacaron xa a que podería ser a derradeira versión previa á vindeira versión estable. Trátase da release candidate da versińo 0.7.0.

Quen queira coñece-los cambios, pode ve-la lista deles, aínda que son fundamentalmente correccións de erros da versión anterior, e coido que tampouco paga moito a pena pararse a velos. O que si paga a pena é esperar que, en moi pouco, teremos unha brillante versión final instalándose (ou compilándose) nas nosas computadoras. Mi ma, falo como se fose o meu xogo preferido e aínda non o probei. Tócame facelo en canto o saquen, así que:

Desenvolvedores, movede o cú!

Máis nada. Isto foi simple palla. Procurarei conpensarvos mañá!

Fonte: sitio web do xogo

OpenTTD 0.6.3
Clon do Transport Tycoon Deluxe, trátase dun xogo de simulación económica no que administrarás unha compañía de transportes.
Sitio web: www.openttd.org

gbrainy 1.1

O gbrainy, un xogo que ten por meta servir de adestramento pr’a nosa cabeza, ven de saca-la súa última versión (que non derradeira), a 1.1.

Os cambios que incorpora esta nova versión son:

  • catro novos xogos,
  • o uso de Mono.Addins para as extensións prao gbrainy,
  • novas traducións e actualización das presentes,
  • e correcións de erros.

O xogo ten boa pinta. Se aínda non o probáchedes, non sei a que agardades. Veña!

Fonte: The Linux Game Tome

gbrainy 1.1
Xogo pra poñer a proba as nosas habilidades mentais: memoria, velocidade de reacción, etc.
Sitio web: live.gnome.org/gbrainy

SuperTuxKart – Avance Informativo

Non se trata de ningunha nova versión do SuperTuxKart. Simplemente, os desenvolvedores decidiron que non estaría mal informarnos dos avances que levaban feitos de cara á futura versión 0.7. Eu estoulles agradecidos de que me dean algo co que publicar un día máis ;-) .

En fin, imos ao choio. Velaquí van os cambios que fixeron entre os días 1 e 11 deste mes:

  • mellora do kart de Mozilla (como mencionan nos comentarios da entrada orixinal, a ver cando lle botan unha pasada ao de Tux),
  • adición da tradución ao catalán (xa somos tres da península, vai haber derbi triple cando toque actualiza-las traducións ;-) ),
  • engadido dun novo circuíto, “O Xardín Secreto” (Secret Garden, a tradución ha se-la oficial se ninguén me convence do contrario),
  • tamén se traballou, mellor dito TRABALLOU, na mudanza a Irrlicht da que xa vos falara na última anotación sobre o xogo.

Como podedes ver, deixeivos unhas capturas do novo kart de Mozilla, que definitivamente supera con creces ao seu predecesor (e por certo, o de Tux tampouco está tan mal).

A segunda imaxe corresponde ao novo circuíto que engadirán á vindeira versión, e que pode que inclúan nunha actualización do paquete de engadidos para a versión actual.

Tamén vos hei deixar a que seguramente sexa a banda sonora de dito circuíto (así vos ides poñendo en situación): Secret garden.ogg (se non vos carga a canción ao preme-la ligazón, copiade o URL ao que fai referencia e introducídeo manualmente noutra fiestra/lingüeta do navegador)

Non está nada mal pra 10 días de traballo voluntario nos ratos libres. Máis nada, un saúdo!

Fonte: blogue do xogo

SuperTuxKart 0.6.1
Xogo de carreiras sobre karts con personaxes da familia Tux coma condutores e cunha ambientación infantil, pero recomendable pra tódalas idades.
Sitio web: supertuxkart.sourceforge.net