Cando o Warzone 2100 viu a luz, o motor 3D estaba condicionado polos gráficos. Unha vez foi liberado o código do xogo, un dos primeiros cambios foi o incremento da resolución máxima de pantalla que permitía o xogo. Se ben os modelos son bos abondo como pra velos a unha grande resolución, non é tal no caso das texturas. Moitas persoas intentaron mellora-lo detalle das texturas, pero só un mod o conseguiu: “Grim’s Texture Mod”. E aínda que superaba ás vellas texturas nalgúns aspectos, aínda era case imposible editalo de cara a melloralo aínda máis.
Dentro do proxecto “Warzone Ressurrection” sempre houbo xente que tiña plans pra mellora-lo renderizador, pero por mor da falta de tempo eses plans non deixaron de ser iso, simples plans. O proxecto “Warzone 2200″, baixo o liderado de Grim, tiña coma un dos seus obxectivos principais a mellora dos gráficos. Por desgraza o proxecto rematou por motivos persoais.
Gerard (desenvolvedor do Warzone) quería por suposto tamén uns mellores gráficos. Pero non tiña nin idea de como conseguilos. Ata que, unha noite que non podía pegar ollo, ocorréuselle un modo de conseguilo. E pouco despois descubriu que xa existía o método que se lle ocorreu (a quen non lle pasou isto algunha vez?).
Por sorte Gerard libraba o día seguinte. Ergueuse cedo e comezou procurando obter algo visible canto antes. Tras un par de horas de traballo o rapaz conseguiu unha versión simple e funcional. Entón púxose a facer algunhas texturas soltas pra usar. Facer texturas soltas non lle foi difícil, pero atopar texturas libres si. Afortunadamente deunas atopado entre www.imageafter.com, www.cgtextures.com e Flickr.
Agora xa van algunhas semanas dende que Gerard publicou capturas de pantalla do novo terreo, e actualmente soporta todo o que o renderizador orixinal podía (e máis). Pra aproveitar ao máximo este novo sistema fará falla un novo editor de mapas. O novo terreo está case listo pra entrar a formar parte da versión de desenvolvemento. Porén e por mor dos problemas que parecen experimentar algunhas persoas, vai facer falla moita proba, e en consecuencia moito probador (si, é unha indirecta moi directa).
Neste fío do foro do xogo tendes algunhas capturas máis. Botádelle unha ollada.
Se o que queredes é ve-lo renderizador en acción, teredes que compilalo a partires do código. Eu persoalmente hei esperar por un lanzamento, máis que nada por cuestións de estabilidade.
Fonte: blogue do xogo