O que ledes, xa saiu a versión 1.6 do Battle for Wesnoth, un xogo de estratexia… bueno, xa deberías saber de que vai -se non o sabes, instálao
-. Máis dun ano de desenvolvemento dende a última versión estable, a 1.4, e máis de 3.000.000 de descargas dende SourceForge (que se di moi fácil).
As notas do lanzamento non están aínda traducidas ao galego (e non sei como traducilas), pero vos deixo unha tradución miña:
Unha vez máis é a hora dun momento dos que marcan época, un lanzamento estable do Wesnoth. O equipo do Battle for Wesnoth orgullécese de liberar a versión 1.6 do Battle for Wesnoth, un xogo libre de estratexia por roldas de ambientación fantástica e elementos de rol. O xogo está dispoñible para a súa descarga para Windows, Mac OS X e varias distribucións de GNU/Linux.
Que novidades trae Wesnoth 1.6?
Contamos con moitas características novas para que goces delas estes días, entre elas unha nova campaña oficial, dous novos escenarios para o xogo en liña e unha renovada interface de usuario.
Para os xogadores
Campañas
Hai unha nova campaña oficial, A Lenda de Wesmere (que estou a traducir nestes momentos ao galego, e espero remate pr’a vindeira versión da rama estable, a 1.6.1), con novas características de xogo incluíndo (nun escenario) a posibilidade de utilizar a intelixencia artificial do xogo como o teu comandante para un dos aliados, establecendo ti os obxectivos que gustes. Busca esta característica agochada premendo co botón dereito nos comandantes aliados, durante o escenario número 7 (e o dicides agora? Creo que vou polo 8!!!). Esta campaña importouse desde o proxecto Wesnoth-UMC-Dev, onde pasou un par de meses para adaptala ao argumento principal.
Case todas as campañas oficiais usan agora un método distinto para manexar o ouro conservado dun escenario ao seguinte: a cantidade de ouro retido é agora o 40% en vez do 80% (coido que n’A Lenda de Wesmere aínda está no 80%), pero engádese ao ouro mínimo co que se comeza o seguinte escenario en lugar de substituílo cando é maior.
Moitas das campañas principais melloraron a narración do argumento e novas escenas cortadas e epílogos. Moitas delas melloraron e renovaron os mapas de campaña. Todas elas teñen agora datas na liña do tempo da historia de Wesnoth, e case todas teñen animacións das viaxes no mapa de campaña. A historia e xeografía de Wesnoth foi desenvolvida máis a fondo e con maior detalle: agora hai máis campañas que inclúen referencias a eventos da historia xeral, engadindo profundidade e enriquecendo a narración.
Xogo en liña
Agora pode entrarse no servidor de partidas en liña utilizando o nome de usuario e contrasinal da conta do foro de Wesnoth. Así e todo, non fai falla rexistrarse e calquera pode seguir utilizando un nome de usuario sen rexistrar.
O vestíbulo de partidas en liñas (onde atopas as partidas e aos xogadores) mellorou para permitir unha xestión máis sinxela das listas de amigos e de xente a ignorar premendo dobre co rato na lista de xogadores.
Entre os cambios máis salientables para equilibrar as eras por defecto están:
- aumento do custo do trasno lanceiro de 8 a 9,
- aumento do movemento do trasno lanceiro de 4 a 5,
- aumento do ataque corpo a corpo do trasno lanceiro de 4-3 a 6-3,
- engadido dos rasgos débil, lento e preguiceiro (poden non corresponderse coas traducións oficiais); os trasnos han recibir cada un un deles en vez de dous dos comúns,
- engadido do tirador especial ao ataque a distancia da liña do orco asasino,
- incremento do custo do cadáver andante de 7 a 8,
- diminución do custo do arqueiro de 15 a 14,
- diminución do ataque corpo a corpo do arqueiro de 6-2 a 4-2.
Xeral
Melloráronse os gráficos do xogo cunha nova gama de retratos de unidades. Moitas máis unidades contan con animacións completas e cor do equipo.
Hai un novo tipo de terreo básico, arrecife costeiro, que lle dá á meirande parte das unidades terrestres unha defensa algo maior que nas augas pouco profundas, e 70% de defensa para a maioría das unidades mariñas coma os sirénidos e mailos nagas. Os bosques adquiren maior variedade con gráficos para terreos de bosque caducifolio en primavera/verán, outono e inverno. Hai novos gráficos para as vilas das cidades dos humanos e zonas de tribos primitivas.
Os nosos compositores engadiron cinco novas pistas musicais de fondo: Heroes’ Rite, Siege of Laurelmor, Suspense, The Dangerous Symphony e The Deep Path. Ademais, agora o xogo reproduce fragmentos musicais especiais para os casos de vitoria e derrota.
A interface do xogo seguiu evolucionando, en especial no uso máis dramático dos retratos. Os diálogos de reincorporar unidades agora amosan información útil sobre os rasgos dos teus veteranos. Agora os complementos amosan a súa categoría cando navegas por eles no servidor de descargas.
Entre as novas traducións atopamos o árabe, o croata, o friulano, o macedonio, o marathi e mailo letón. As traducións existentes actualizáronse e extendéronse amplamente. Coido que o galego aínda non foi actualizado pra esta versión, así que a ver se pra seguinte xa está.
Ata aquí traduzo, o resto é información pra desenvolvedores e sobre as descargas. Se vos interesa o primeiro, deberiades ir ao anuncio oficial en inglés, e respecto do segundo, só necesitades saber unha cousa:
Só me resta mencionar que de cara ao desenvolvemento da póla 1.7 (inestable), o equipo busca tradutores (ao galego supoño que non lle virían mal, se vos interesa ide aquí ou deixádeme un comentario), artistas gráficos (sprite, retratos, terreo, ilustracións das historias), compositores musicais (con idea de composición de música clásica, e requírese un bo equipo), artistas de son (para os efectos especiais), autores (escritura/mantemento das campañas, creando contidos tales coma descricións de unidades, e mellorando a axuda interna do xogo) e, por suposto, programadores. Se queres participar no desenvolvemento de Wesnoth, bótalle unha ollada ao foro ou visítanos na canle IRC #wesnoth-dev en irc.freenode.net.
Fonte: sitio web do xogo
| The Battle for Wesnoth 1.6 | ![]() |
||
| Xogo de estratexia por roldas ambientado nun mundo fantástico, Wesnoth. Caracterízase por unhas regras moi simples, e xógase en mapas hexagonais (formados por hexágonos). | |||
| Sitio web: www.wesnoth.org | |||




















