Pandora é, para aqueles que aínda non o saibades, unha consola portátil libre cun sistema operativo libre para xogar a xogos libres con total liberdade.
Iso é ser libre e o demáis son tonterías. O estado actual do desenvolvemento da consola está moi preto da súa etapa final, restando só algúns pequenos axustes.
A consola xa se pode reservar, e o seu custo é de 330 dólares, o que equivale a pouco menos de 250€. Claro que hai que ter en conta que non ides necesitar mercar nin un só dos xogos que usedes nela (salvo que queirades doar cartos a un dos proxectos, claro está).
Entre as características da consola atopamos:
- Procesador: ARM® Cortex™-A8 600Mhz+.
- Sistema operativo: GNU/Linux.
- Tarxeta gráfica: PowerVR SGX OpenGL 2.0 ES compatible con aceleración en tres dimensións.
- Pantalla táctil LCD cunha resolución máxima de 800×480, 4.3 polgadas e 16.7 millóns de cores.
- Altofalantes con soporte para estéreo acoplados na pantalla, e micrófono integrado, así coma unha roda para controlar o volume.
- 256 MB de memoria RAM do tipo DDR.
- 512 MB de espazo interno, ampliable con memorias USB ou tarxetas SDHC.
- Wifi 802.11b/g, Bluetooth e porto USB 2.0 de alta velocidade.
- Dúas ranuras para tarxetas SDHC e saída SVideo de televisión.
- Controis de xogo tanto analóxicos coma dixitais.
- 43 botóns QWERTY (distribución inglesa do teclado) e teclas numéricas.
- Arredor de 10 horas de duración da batería.
Teño que recordarvos que todas as características da consola foron discutidas previamente cos usuarios nos foros co obxectivo de obter a consola portátil de código aberto definitiva. Na consola xa se probaron xogos coma o Quake 3, ou programas coma o Firefox 3, que funcionan sen problemas.
Fonte: LinuxGames










