Xa se lanzou a versión 0.8.0 do FreeCol, un xogo de estratexia na liña do Freeciv pero de cara á temática das colonizacións, inspirado no Colonization. O obxectivo é o de fundar novas colonias en América, relacionarte cos nativos e loitar polo dominio do terreo fronte ao resto das potencias europeas. Vive la France!
O cambio máis salientable desta nova entrega do xogo foi a posibilidade de definir os mecanismos de xogos a partires de ficheiros de XML, que a min persoalmente non me servirá de moito, pero isto pra os desenvolvedores vai ser todo un agasallo. Deste xeito poderanse manipular moi facilmente as regras do xogo, e os máis aventurados mesmo crear un xogo novo a partires deste. Se vos interesa o asunto lede isto.
Entre os outros cambios atopamos:
- novos gráficos do terreo,
- música no menú,
- efectos de son pra os dragóns, a artillería ao capturar unha colonia, ao completarse a construción dun edificio, igrexa, etc.,
- os enclaves dos nativos recibiron mellor nome e situación xeográfica,
- engadidas novas traducións ao portugués, sueco, dinamarqués e ruso,
- agora hai soporte pra partidas con ata oito xogadores europeos,
- e unha morea -como non- de outras novas características e correccións de erros.
Xa estades tardando en descargalo e contarmo-la experiencia.
Fonte: linuX-gamers