Hai relativamente pouco viu a luz unha nova versión do Glest, un xogo de estratexia en tempo real e en tres dimensións -si, lichedelo ben-, que puxo fin a dous erros relativos ao xogo en rede.
As coreccións desta versión, a 3.2.2, debémosllas a un usuario que, xogando coa súa familia nunha rede local, e fozando un pouco no código fonte do xogo, descubriu a causa de dous erros que sufrira durante as partidas en rede.
O home explicou cales eran os erros e como os solucionara nun fío do foro do xogo, e os seus parches aplicáronse ao xogo.
O Blood Frontier é un xogo de tiros en primeira persoa. Trátase dunha completa reconversión do motor Sauerbraten, alias Cube 2. Destaca pola súa xogabilidade e mailas armas.
As novidades que incorpora esta nova versión, a 0.8.0 beta 1, con respecto da alfa 2 anterior, son considerables. Baseándose nas peticións da comunidade, que “se tomaron moi seriamente, ningunha idea é grande ou pequena de máis”, os desenvolvedores conseguiron unha verdadeira marabilla, “o mellor xogo de tiros en primeira persoa libre e de código aberto presente na Internet”. E se ben admiten que os hai que o superan no apartado gráfico, deféndense afirmando que o contrarrestan grazas a unha insuperable xogabilidade.
Algunhas das novas características que incorpora esta nova versión son:
mellora da intelixencia artificial,
conversa por IRC dende o propio xogo,
mellora e aumento das armas e mailos seus efectos,
novos mapas,
novos efectos de son,
novos contidos gráficos,
así coma diversas pequenas melloras e correccións.
O xogo fai aparición con este vídeo de presentación, e acompañado dun texto:
Nun futuro moi distante, a humanidade esparexeuse por todo o Sistema Solar, ata chegar a Marte, e máis alá. Unha inmensa rede de comunicacións une colonia con colonia, humano con máquina e máquina con humano. Isto aparenta ser a clave da sociedade interplanetaria moderna, porén, parece ser a causa dunha misteriosa praga tecnobiolóxica. Calquera persoa conectada cae enferma e acaba morrendo, para volver en forma de famento, caníbales infrahumanos. Ti, unha intelixencia cibernética, un androide, permaneces inmune a este estraño fenómeno, e asignóuseche a tarefa de destruír as crecentes hordas de infectados, e de paso, se hai sorte, localizar e deter a fonte da epidemia.
Só unha cousa máis teño que engadir: oxalá sexa tan bo como o pintan.