Rigs of Rods 0.36.1, correccións

Dixen na última anotación respecto deste xogo que non había volver escribir acerca del mentres que non houbese a disposición pública un código fonte, compilable en GNU/Linux. Pois ben, alégrome de que non se fixesen de rogar.

Os desenvolvedores do Rigs of Rods, un xogo de simulación automovilística que adquiriu moita sona recentemente debido á decisión dos seus dous desenvolvedores de libera-lo código, veñen de lanzar unha versión nova, a 0.36.1, na que se adicaron fundamentalmente á corrección de erros.

Por certo, algunha vez vos preguntáchedes por que a maioría dos xogos libres, no número da versión, sempre van cun 0. diante? Eu si. Supoño que é porque teñen grandes espectativas para a primeira versión (a 1), pero manda c*r*llo, ás veces deprímeme ver bos xogos que comezan por cero. Se esperan que a un teña o nivel de xogos comerciais, imos aviados.

Respecto aos cambios concretos, pra dici-la verdade non foron moitos. Que se o xogo se colgaba cando activava-la herba, que se había problemas visuais en terreo e coches. En fin, pequenas solucións pra grandes problemas. Agradécese.

Anímovos iso si a compila-lo xogo. Eu non fun quen de facelo. A compilación comezou a dar erros en torno ao 57%, e esc*r*llouse. Supoño que pode ter que ver co feito de usar 64 bits, pero as instrucións do xogo dan instruccións específicas en función do número de núcleos do procesador… En fin, moita sorte aos que o intentedes.

Fonte: blogue do xogo

Rigs of Rods 0.36.1
Xogo de simulación de automóbiles que salienta polas posibilidades de deformación dos vehículos.
Sitio web: rigsofrods.blogspot.com

Rigs of Rods 0.36, primeira versión libre

Os desenvolvedores do Rigs of Rods finalmente publicaron a versión 0.36 do xogo.

Nela poderemos gozar de novos automóbiles e terreos. Todo hai que dicilo, algúns aínda están en fase de probas. Entre as novas características cabe salientar:

  • efectos ambientais nos mapas,
  • soporte pra sombras,
  • novas físicas de fricción do terreo (máis realista que nunca),
  • sons personalizados,
  • nova interface de usuario,
  • reorganización dos ficheiros,
  • e moito máis.

“Grazas a todas as persoas que axudaron á realización desta versión. Un agradecemento especial a Box5diesel, Lifter e Sneer polo seu traballo prolífico e de gran calidade. Grazas a Thomas polo seu duro traballo axudándome a levar adiante este lanzamento. Grazas a todos os doantes, voluntarios e moderadores do foro.”

E o máis importante. Agora o proxecto está baixo licenza GPL, e os novos lanzamentos aloxaranse en SourceForge.

AVISO: no momento de escribir este artigo non hai publicada unha versión do lanzamento pra Linux, nin tampouco o código fonte pra compilalo. Ata que sexa publicado o código fonte, e o xogo sexa compilable (polo menos) en Linux, non vos volverei traer noticias ao respecto.

Fonte: blogue do xogo

Rigs of Rods 0.36
Xogo de simulación de automóbiles que salienta polas posibilidades de deformación dos vehículos.
Sitio web: rigsofrods.blogspot.com

Rigs of Rods libera o seu código

Os desenvolvedores do Rigs of Rods, un xogo de simulación de automóbiles, decidiron libera-lo código do xogo baixo licenza GPL v3 xunto co lanzamento da súa vindeira versión, a 0.36. Argumentaron pra este importante cambio de licenza diversos motivos:

  • Pretenden deste xeito atraer e motivar a máis voluntarios e colaboradores.
  • O cambio, ademais, lles permitirá aos desenvolvedores actuais tomarse un respiro. O xogo xa se lles queda grande, o que é normal tendo en conta que son só dúas persoas. Ademais queren pasar páxina e traballar noutros proxectos novos, posiblemente relacionados co Rigs of Rods, pero non queren que iso “mate” o proxecto.
  • Pra devolverlle o favor a todos eses proxectos de código aberto que lles deron a posibilidade de de utiliza-lo seu código baixo licenza LGPL, coma Ogre3D.
  • Pra poder facer uso dos recursos que ofrece SourceForge aos proxectos de código aberto.
  • Pra simplifica-lo porte do xogo á plataforma Linux.

Este cambio non influirá no lanzamento da versión 0.36, que está case rematada -o código xa está listo, e os desenvolvedores están a seleccionar e proba-lo contido-.

Di un dos desenvolvedores que haberá un anuncio máis formal da liberación do código fonte do xogo pra así difundi-la palabra unha vez que saia a versión 0.36.

Fonte: JeuxLinux

Rigs of Rods 0.35 (aínda privativa)
Xogo de simulación de automóbiles que salienta polas posibilidades de deformación dos vehículos.
Sitio web: rigsofrods.blogspot.com