Glest 3.2.2

Hai relativamente pouco viu a luz unha nova versión do Glest, un xogo de estratexia en tempo real e en tres dimensións -si, lichedelo ben-, que puxo fin a dous erros relativos ao xogo en rede.

As coreccións desta versión, a 3.2.2, debémosllas a un usuario que, xogando coa súa familia nunha rede local, e fozando un pouco no código fonte do xogo, descubriu a causa de dous erros que sufrira durante as partidas en rede.

O home explicou cales eran os erros e como os solucionara nun fío do foro do xogo, e os seus parches aplicáronse ao xogo.

Fonte: The Linux Game Tome

Glest 3.2.2
Xogo de estratexia en tempo real e en tres dimensións. Conta con dúas faccións (máxica e tecnolóxica).
Sitio web: glest.org

Nexuiz 2.5

Tras case un ano de traballo por parte do seu equipo de desenvolvedores, o Nexuiz, un xogo de tiros en tres dimensións bastante popular no panorama do software libre, fixo pública hai nada a súa seguinte versión, a 2.5

Entre os cambios presentes nesta nova versión cabe salientar:

  • un HUD completamente redeseñado, coa posibilidade de personalizar a táboa de puntuacións,
  • redución á metade do consumo de ancho de banda nas partidas en liña, grazas a unha mellor comunicación cliente/servidor;
  • inclusión de novos mapas, sons, voces, efectos, texturas, punteiros, estilos de interface e unha morea de armas;
  • mellora da intelixencia artificial dos bots, así como redución do seu uso de procesador;
  • soporte para a gravación de vídeo en OGV,
  • inclusión de novos elementos aos mapas para sumarlles dinamismo,
  • engadido do editor de mapas NetRadiant,
  • mellora dos efectos visuais, agora moito máis atractivos,
  • recompilación dos mapas con iluminación externa para unha mellora das sombras,
  • unha morea de funcionalidades relativas aos torneos,
  • cambio na estrutura do menú, así coma mellora do mesmo,
  • e, por suposto, múltiples correccións de erros.

Ademáis diso, retomouse o soporte para múltiples campañas no modo de xogador individual, e engadiuse un novo modo de xogo, Race (carreira en inglés), no que hai que percorrer un mapa pasando por unha serie de zonas (checkpoints) en el menor tiempo posible.

Se todos estos cambios non son abondo para vós, sempre podedes ver a lista de cambios completa.

Fonte: LinuxJuegos

Nexuiz 2.5
Xogo de tiros en tres dimensións con impresionantes gráficos.
Sitio web: alientrap.org/nexuiz

Anunciados os gañadores da competición de niveis do Yo Frankie!

Xa vos falara hai un tempo dun concurso de creación de niveis prao Yo Frankie!, un xogo que de seguro xa coñecedes. Pois resulta que xa hai gañadores. Á dereita tedes unha imaxe múltiple do nivel gañador (o que quedou no primeiro posto de 3). Tradúzovos as descricións dos mesmos que aparecen na anotación do blogue do xogo paréceme complicado de máis desta vez, así que se non vos vale coas imaxes, ides ter que ler inglés. :-)

O que si vos deixo é o nome dos niveis, así coma unha ligazón de descarga:

  1. Nut level (11 MB)
  2. Lighthouse Level (9 MB)
  3. Underworld Level (0,1 MB)

Intalar os niveis

Pra instalar un nivel, descomprime o contido do arquivo, entra no directorio descomprimido, copia o seu contido (levels, textures, etc.) no cartafol do YoFrankie BGE orixinal.

Podes inicia-lo YoFrankie dende o menú e estes niveis estarán dispoñibles dende o pequeno mundo de selección de niveis.

Estes niveis incluiranse no vindeiro lanzamento de YoFrankie, que se actualizará para Blender 2.49.

Fonte: blogue do xogo

Yo Frankie! 1.0
Xogo no que controlaremos a unha das personaxes da curtametraxe libre de animación Big Buck Bunny e a levaremos a través de distintos niveis, superando crebacabezas e procurando sobrevivir a animais salvaxes, auga e lava.
Sitio web: www.yofrankie.org

Rigs of Rods 0.36.1, correccións

Dixen na última anotación respecto deste xogo que non había volver escribir acerca del mentres que non houbese a disposición pública un código fonte, compilable en GNU/Linux. Pois ben, alégrome de que non se fixesen de rogar.

Os desenvolvedores do Rigs of Rods, un xogo de simulación automovilística que adquiriu moita sona recentemente debido á decisión dos seus dous desenvolvedores de libera-lo código, veñen de lanzar unha versión nova, a 0.36.1, na que se adicaron fundamentalmente á corrección de erros.

Por certo, algunha vez vos preguntáchedes por que a maioría dos xogos libres, no número da versión, sempre van cun 0. diante? Eu si. Supoño que é porque teñen grandes espectativas para a primeira versión (a 1), pero manda c*r*llo, ás veces deprímeme ver bos xogos que comezan por cero. Se esperan que a un teña o nivel de xogos comerciais, imos aviados.

Respecto aos cambios concretos, pra dici-la verdade non foron moitos. Que se o xogo se colgaba cando activava-la herba, que se había problemas visuais en terreo e coches. En fin, pequenas solucións pra grandes problemas. Agradécese.

Anímovos iso si a compila-lo xogo. Eu non fun quen de facelo. A compilación comezou a dar erros en torno ao 57%, e esc*r*llouse. Supoño que pode ter que ver co feito de usar 64 bits, pero as instrucións do xogo dan instruccións específicas en función do número de núcleos do procesador… En fin, moita sorte aos que o intentedes.

Fonte: blogue do xogo

Rigs of Rods 0.36.1
Xogo de simulación de automóbiles que salienta polas posibilidades de deformación dos vehículos.
Sitio web: rigsofrods.blogspot.com

Blood Frontier 0.80 beta 1

O Blood Frontier é un xogo de tiros en primeira persoa. Trátase dunha completa reconversión do motor Sauerbraten, alias Cube 2. Destaca pola súa xogabilidade e mailas armas.

As novidades que incorpora esta nova versión, a 0.8.0 beta 1, con respecto da alfa 2 anterior, son considerables. Baseándose nas peticións da comunidade, que “se tomaron moi seriamente, ningunha idea é grande ou pequena de máis”, os desenvolvedores conseguiron unha verdadeira marabilla, “o mellor xogo de tiros en primeira persoa libre e de código aberto presente na Internet”. E se ben admiten que os hai que o superan no apartado gráfico, deféndense afirmando que o contrarrestan grazas a unha insuperable xogabilidade.

Algunhas das novas características que incorpora esta nova versión son:

  • mellora da intelixencia artificial,
  • conversa por IRC dende o propio xogo,
  • mellora e aumento das armas e mailos seus efectos,
  • novos mapas,
  • novos efectos de son,
  • novos contidos gráficos,
  • así coma diversas pequenas melloras e correccións.

O xogo fai aparición con este vídeo de presentación, e acompañado dun texto:

Nun futuro moi distante, a humanidade esparexeuse por todo o Sistema Solar, ata chegar a Marte, e máis alá. Unha inmensa rede de comunicacións une colonia con colonia, humano con máquina e máquina con humano. Isto aparenta ser a clave da sociedade interplanetaria moderna, porén, parece ser a causa dunha misteriosa praga tecnobiolóxica. Calquera persoa conectada cae enferma e acaba morrendo, para volver en forma de famento, caníbales infrahumanos. Ti, unha intelixencia cibernética, un androide, permaneces inmune a este estraño fenómeno, e asignóuseche a tarefa de destruír as crecentes hordas de infectados, e de paso, se hai sorte, localizar e deter a fonte da epidemia.

Só unha cousa máis teño que engadir: oxalá sexa tan bo como o pintan.

Fonte: JeuxLinux

Blood Frontier 0.80 (beta 1)
Xogo de tiros en primeira persoa de ambientación futurista.
Sitio web: www.bloodfrontier.com

Rigs of Rods 0.36, primeira versión libre

Os desenvolvedores do Rigs of Rods finalmente publicaron a versión 0.36 do xogo.

Nela poderemos gozar de novos automóbiles e terreos. Todo hai que dicilo, algúns aínda están en fase de probas. Entre as novas características cabe salientar:

  • efectos ambientais nos mapas,
  • soporte pra sombras,
  • novas físicas de fricción do terreo (máis realista que nunca),
  • sons personalizados,
  • nova interface de usuario,
  • reorganización dos ficheiros,
  • e moito máis.

“Grazas a todas as persoas que axudaron á realización desta versión. Un agradecemento especial a Box5diesel, Lifter e Sneer polo seu traballo prolífico e de gran calidade. Grazas a Thomas polo seu duro traballo axudándome a levar adiante este lanzamento. Grazas a todos os doantes, voluntarios e moderadores do foro.”

E o máis importante. Agora o proxecto está baixo licenza GPL, e os novos lanzamentos aloxaranse en SourceForge.

AVISO: no momento de escribir este artigo non hai publicada unha versión do lanzamento pra Linux, nin tampouco o código fonte pra compilalo. Ata que sexa publicado o código fonte, e o xogo sexa compilable (polo menos) en Linux, non vos volverei traer noticias ao respecto.

Fonte: blogue do xogo

Rigs of Rods 0.36
Xogo de simulación de automóbiles que salienta polas posibilidades de deformación dos vehículos.
Sitio web: rigsofrods.blogspot.com

Rigs of Rods libera o seu código

Os desenvolvedores do Rigs of Rods, un xogo de simulación de automóbiles, decidiron libera-lo código do xogo baixo licenza GPL v3 xunto co lanzamento da súa vindeira versión, a 0.36. Argumentaron pra este importante cambio de licenza diversos motivos:

  • Pretenden deste xeito atraer e motivar a máis voluntarios e colaboradores.
  • O cambio, ademais, lles permitirá aos desenvolvedores actuais tomarse un respiro. O xogo xa se lles queda grande, o que é normal tendo en conta que son só dúas persoas. Ademais queren pasar páxina e traballar noutros proxectos novos, posiblemente relacionados co Rigs of Rods, pero non queren que iso “mate” o proxecto.
  • Pra devolverlle o favor a todos eses proxectos de código aberto que lles deron a posibilidade de de utiliza-lo seu código baixo licenza LGPL, coma Ogre3D.
  • Pra poder facer uso dos recursos que ofrece SourceForge aos proxectos de código aberto.
  • Pra simplifica-lo porte do xogo á plataforma Linux.

Este cambio non influirá no lanzamento da versión 0.36, que está case rematada -o código xa está listo, e os desenvolvedores están a seleccionar e proba-lo contido-.

Di un dos desenvolvedores que haberá un anuncio máis formal da liberación do código fonte do xogo pra así difundi-la palabra unha vez que saia a versión 0.36.

Fonte: JeuxLinux

Rigs of Rods 0.35 (aínda privativa)
Xogo de simulación de automóbiles que salienta polas posibilidades de deformación dos vehículos.
Sitio web: rigsofrods.blogspot.com

Urban Terror: “Hacker inside”

Pois nada, resulta que algún listo atopou como aproveitarse dunha debilidade no sistema de votación, e ata que se solucione isto con algún parche ou a saída dunha nova versión, a solución que ofrece o equipo é a de desactivar o sistema de votacións. Por tanto, se estades a xogar unha partida non vos estrañe que o servidor non vos deixe votar.

Fonte: sitio web do xogo

2 Urban Terror 4.1
Xogo de acción en primeira persoa con certo realismo pero coa filosofía de antepor a diversión a este, baseado no motor ioquake3.
Sitio web: www.urbanterror.net (descargar)

Alien Arena 2008 7.21

Xa foi lanzada a versión 7.21 do Alien Arena, outro xogo de acción en primeira persoa baseado no motor froito da liberación do Quake III, o ioqueka3.

Entre os cambios desta nova versión atopámonos cunha longa lista de melloras, correccións de erros, e como seica ocorre sempre, novos mapas nos que loitar. Ademais:

  • novas sombras GLSL pra a auga,
  • mellora dos efectos meteorolóxicos,
  • sombras pra a vexetación,
  • mellora da interface do servidor durante a partida,
  • e moito máis.

Os máis esixentes podedes irvos a ve-la lista completa dos cambios. Pra eles e pra tódolos demais, tendes na páxina de descargas todo o que necesitades pra poñe-lo xogo a andar na vosa computadora. Bo proveito!

Fonte: LinuxGames

- Alien Arena 7.21
Xogo de acción en primeira persoa de ambientación futurista e baseado no motor ioquake3.
Sitio web: red.planetarena.org (descargar)

Competición pra a creación de niveis pra o Yo Frankie!

Pra conseguir algúns niveis novos pra o Yo Frankie!, un dos seus responsables, Campbell Barton, decidiu levar a cabo unha competición de seis semanas de duración pra crear novos niveis pra o xogo. Estes poderán incluírse no vindeiro lanzamento do xogo, que incluirá actualizacións pra a seguinte versión de Blender e correccións de erros.

O obxectivo é crear un bo nivel pra Yo Frankie baseándoo nos seguintes criterios:

  • deseño do nivel (terá que ser divertido moverse polo nivel, exploralo e xogalo)
  • xogabilidade (deberá ser entretido de principio a fin)
  • boa calidade gráfica (boas texturas, materiais e escenificación)

Contarán puntos extra aspectos tales coma:

  • uso creativo dos activos existentes no Yo Frankie! (texturas, materiais, modelos e sons),
  • conseguir que sexa divertido xogar o nivel unha e outra vez,
  • puzzles, que poden crearse sen necesidade de programar (empurrando bloques, movendo plataformas…),
  • que o nivel sexa divertido de xogar con amigos (ou contra).

Non suporán puntos extra:

* lentitude da parte lóxica ou os scripts de python do xogo,
* que o nivel vaia máis lento que os niveis actuais do Yo Frankie!

Data de comezo: 16 de xaneiro do 2009
Data final: 28 de febreiro do 2009

Primeiro premio: 250 €
Segundo premio: 150 €
Terceiro premio: 100 €
(Pagamento a través de PayPal)

Notas

  • poderías concentrarte principalmente nun só área: gráficos abraiantes, bos puzzles, diversión pra varios xogadores, plataformas adictivas, etc.
  • este proxecto debería poder levalo a cabo un artista sen coñecementos técnicos. Podes facer un nivel sen utilizar ningunha configuración lóxica ou scripts, e bastaría con coñecer 3 ou 4 nomes pra asignarllos aos obxectos do nivel -pra máis detalles consúltese o wiki-.
  • o nivel non ten por que utilizar materiais GLSL.
  • o nivel engadiríase xunto cos outros niveis, así que engádeo ao directorio onde están os outros e volve utiliza-los grupos existentes cando te sexa posible.
  • aínda que non gañes, o teu nivel podería ser incluído no seguinte lanzamento do Yo Frankie!
  • esta non é unha competición oficial da Fundación Blender (véxanse os detalles de contacto ao final da anotación),
  • pra obte-los ficheiros ao día do Yo Frankie!, podes obte-los de projects.blender.org/projects/yofrankie.

Xuízo
O responsable da iniciativa levará a cabo unha votación entre os membros da comunidade artística de Blender, aínda que será el quen se ve que a cousa non vai moi ben ou a xente non é capaz de proba-los niveis, será el mesmo o que elixa aos gañadores.

Regras

  • colaborar está ben, pero as propostas serán feitas por unha única persoa.
  • o nivel final deberá ocupar menos de 100 MB comprimido.
  • non se poderá modificar a lóxica do protagonista (lonxitude do salto, distancia de esbaramento, etc.) -as correccións de erros son unha excepción-.
  • o nivel ha estar baixo a mesma licenza Creative Commons que o resto dos niveis do Yo Frankie!.
  • nada de materiais baseados en nodos (usa só materiais de textura para unhas sombras máis eficientes).
  • podes propor máis dun nivel.
  • o nivel non pode er sido presentado a outra competición antes.

O responsable deste concurso responderá a cuestións ao respecto no fío do xogo, pero podedes contactar directamente con el a través da súa conta de correo electrónico ideasman42@gmail.com -o seu nome é Campbell Barton-.

Máis nada, que queira xa sabedes. E se vos presentades avisade, que haberá que proba-las vosas propostas. Eu só espero que pensen en currarse unha mellor interface para o xogo, darlle ao xogo un aspecto máis de xogo e menos de experimento artístico para traballadores de Blender.

Un saúdo!

Fonte: blogue do xogo

- Yo Frankie!
Xogo de aventuras en que controlaremos a unha das personaxes do filme libre de animación Big Buck Bunny e a levaremos a través de distintos niveis, superando crebacabezas e procurando sobrevivir a animais salvaxes, auga e lava.
Sitio web: www.yofrankie.org
Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.