Hoxe comeza a votación pra a primeira edición d’O K@Π@||0 29, a lista dos mellores 29 xogos libres pra GNU/Linux.
A lista que hai actualmente elaboreina eu cando iniciei este blogue hai pouco máis dun ano pra falar sobre este tema que tanto me gusta. Pero a intención, como xa dixen na miña primeira anotación, era e segue a ser que a lista a elaboremos entre todos.
Así que a piques de acabar este ano 2009, chegou a hora de decidir cales foron os XL2 (Xogos Libres pra GNU/Linux) que máis vos gustaron ou aos que máis xogáchedes este ano.
O sistema de votación que propoño está baseado no que usan en LinuxJuegos. Pra votar, habedes deixar un comentario nesta anotación. No voso comentario, poderedes listar ata 29 xogos, ordenados segundo a vosa preferencia. O primeiro que poñades sumará 29 puntos, o segundo 28, o terceiro 27, [...], e o derradeiro 1 punto.
Non fai falla que poñades 29 xogos, pero se queredes podedes. E podedes elixi-los que queirades, sen restrinxirvo-la elección a unha lista pechada. Iso si, non esquezade-las dúas condicións que teñen que cumprir tódolos xogos polos que votedes: ser libres e estar dispoñibles pra GNU/Linux.
Esperemos que a participación sexa alta, e a ver se grazas á votación descubrimos todos algunha xoia que nos pasara desapercibida. Nin que dicir ten que procurarei prestar especial atención ao desenvolvemento dos xogos que saian gañadores.
A data límite é, como non podería ser doutro xeito, o día 29. Deste xeito e se todo vai ben, a lista sairá canda as badaladas.










